NotaPrensaO Pleno aprobou a pasada semana, por unanimidade, as propostas da Alcaldía e diversas mocións centradas na defensa do sector vitivinícola, a saúde, o patrimonio e a conciliación.

O Pleno do Concello de Salvaterra de Miño aprobou a pasada semana, por unanimidade, as propostas e mocións presentadas para defender diferentes ámbitos estratéxicos para o municipio e a comarca, entre eles o futuro do sector vitivinícola do Condado, os dereitos das persoas afectadas polo Alzheimer, a protección do patrimonio, a saúde mental e a conciliación das familias.

No ámbito vitivinícola, a Corporación municipal acordou reclamar á Consellería do Medio Rural e a AGACAL ferramentas que permitan calcular os custos reais de produción, co obxectivo de garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e unhas condicións xustas para os pequenos viticultores. Salvaterra reclama tamén a convocatoria dunha mesa de diálogo entre a Xunta, a D.O. Rías Baixas, organizacións agrarias, viticultores e adegas para abordar a situación do sector.

O Concello lembra que o Condado representa arredor do 35 % da D.O. Rías Baixas e que a viticultura constitúe unha actividade fundamental para a economía local, a fixación de poboación no rural e o mantemento do territorio. O acordo inclúe tamén a petición dunha maior vixilancia sobre o cumprimento da normativa por parte das empresas que reciban financiamento público ou conten co selo Galicia Calidade.

Por outra banda, o Pleno aprobou por unanimidade a adhesión á declaración institucional de AFAGA Alzheimer, coa que se reclama ao Ministerio de Sanidade a financiación pública dos novos tratamentos para esta enfermidade. O Concello trasladará o acordo ao Ministerio, solicitando a súa incorporación efectiva ao Sistema Nacional de Saúde e os recursos orzamentarios necesarios para garantir o acceso ás terapias.

A protección e posta en valor do patrimonio local foi tamén obxecto de acordo plenario. Así, aprobáronse por unanimidade as mocións relativas á dinamización e protección de diferentes bens patrimoniais do municipio: o Forte de Santiago de Aytona, a Fortificación da Fillaboa e a Atalaia San Paulo de Porto. Estas iniciativas buscan impulsar a conservación, recuperación e difusión destes elementos como parte do patrimonio histórico e cultural de Salvaterra de Miño, así como favorecer a súa posta en valor e o seu aproveitamento como recursos culturais e turísticos.

O Pleno abordou igualmente a situación da saúde mental na comarca, aprobando por unanimidade unha moción destinada a reclamar medidas e recursos que permitan dar unha resposta axeitada ás necesidades existentes neste ámbito.

O Concello considera fundamental reforzar a atención e os recursos destinados á prevención, detección e tratamento dos problemas de saúde mental, así como garantir unha atención próxima e accesible para a veciñanza.

No ámbito da conciliación, a Corporación municipal aprobou tamén por unanimidade unha moción para solicitar a inclusión dos campamentos municipais no Bono Concilia da Xunta de Galicia. A medida pretende favorecer o acceso das familias a estes servizos durante os períodos non lectivos e contribuír a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.