Rematou a implantación e posta en servizo da dixitalización de catro estacións de bombeo de augas residuais na conca do río Tea. Esta actuación levouse a cabo ao abeiro da subvención da Xunta de Galicia destinada á execución de actuacións encamiñadas a reducir as infiltracións nas redes municipais de saneamento, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU, cun investimento superior aos 44.000 euros.

Os traballos consistiron na renovación integral dos cadros eléctricos de control e manobra das estacións de bombeo de augas residuais, que foron substituídos por novos equipos dotados de aparellaxe eléctrica e automatismos switchgear ecoeficientes, con compoñentes conectados mediante tecnoloxía IoT.

A instalación realizouse en envolventes de poliéster resistentes ás condicións meteorolóxicas, equipadas con sistemas de calefacción mediante resistencias de caldeo e con protección magnetotérmica xeral, así como protección térmica e diferencial independente para cada bomba. A manobra realízase en tensión de seguridade segundo a norma UNE-EN 61439, con dispositivos conformes á norma UNE-EN 60947.

Ademais, incluíuse a instalación de unidades remotas de telecontrol e telemetría baseadas en tecnoloxía GSM/GPRS 4G, con 8 entradas dixitais, 1 entrada analóxica, 4 saídas dixitais e conectividade MODBUS RTU.

O sistema conta tamén cun SAI que garante a alimentación ininterrompida durante 48 horas, permitindo o envío de alarmas por fallo de subministración eléctrica, así como o mantemento das notificacións e da conexión coa unidade remota mesmo en ausencia de subministración.

As unidades remotas incorporan un rexistrador de datos con capacidade para almacenar ata 150.000 puntos de rexistro, tanto por tempo como por evento. Estes datos envíanse a unha plataforma de monitorización na nube para a súa xestión e análise. O acceso ás estacións remotas pode realizarse a través dunha interface web ou mediante aplicacións móbiles dispoñibles para Android e iOS.

O sistema permite tamén a reconfiguración remota dos equipos, a actualización do firmware e o envío de ordes sen necesidade de desprazamento ao lugar da instalación.

A implantación destes equipos permite unha xestión máis eficiente e precisa das infraestruturas principais e máis críticas das redes de saneamento, como son as estacións de bombeo de augas residuais (EBAR). Grazas a este sistema evítanse desprazamentos rutineiros innecesarios cando o funcionamento é correcto e envíanse avisos inmediatos en tempo real cando se detectan incidencias, tales como:

   • fallo térmico dunha bomba por atasco,

   • fallo diferencial da bomba,

   • aumento súbito do nivel no pozo,

   • fallo na subministración eléctrica.

A aplicación web mellora ademais a xestión do servizo ao xerar automaticamente informes periódicos de explotación en formato PDF ou CSV, que poden ser enviados por correo electrónico. Entre as súas funcionalidades destacan:

   • histórico completo de todas as alarmas xeradas, con capacidade para o seu recoñecemento, peche e inserción de comentarios;

   • reenvío automático de alarmas mediante notificacións, correo electrónico e mensaxes SMS;

   • exportación de históricos en formatos PDF, XLSX e CSV; • ferramentas de busca integradas por rango de datas e palabras clave.

O sistema ofrece tamén un alto nivel de seguridade grazas ao uso de estándares web HTTPs/SSL e cifrado AES, garantindo a protección das comunicacións segundo os criterios establecidos polas probas de seguridade OWASP.

06 03 26 Situacion bombeos 1