O Concello de Salvaterra de Miño reuniuse este luns cos locais de hostalaría do municipio para organizar a que será a III Ruta Pinchoterra, unha proposta gastronómica de curta traxectoria pero que deixou un bo sabor de boca entre o público nas anteriores edicións.

A III Ruta Pinchoterra chega un ano máis para nutrir a oferta gastronómica de Salvaterra de Miño despois do éxitos acadados na anterior edición con máis de 15.000 pinchos vendidos.

Neste 2026 a ruta terá lugar os xoves e venres do mes de abril dende o 2 de abril e ata o venres 1 de maio. Durante dez días máis de vinte locais do casco urbano e das parroquias ofertarán entre os consumidores propostas gastronómicas diferentes, pinchos elaborados e coa esencia de cada establecemento; incluíndo opcións aptas para celíacos, vexetarianas e veganas.

Como novidade nesta edición as persoas que participen na ruta deberán selar o seu pasaporte cun total de 4 selos diferentes para entrar no sorteo de vales para gastar nos locales participantes, bonos para o Espazo Termal de Teáns Oleiros e premios aportados polos locais participantes. En cada pasaporte o cliente ademais de selar deberá cubrir os seus datos e votar polo seu pincho favorito de entre todos os establecementos participantes.

Nos vindeiros días darase a coñecer máis información sobre a ruta, que forma parte das accións de dinamización do comercio e da hostalaría impulsadas polo Concello de Salvaterra de Miño en colaboración cos locais participantes.

III Ruta Pinchoterra