PRACE, SERVICIOS Y OBRAS, a empresa adxudicataria do contrato, por preto de 600.000 euros, de MELLORA E OPTIMIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CAMPO DE FÚTBOL MUNICIPAL DE DEXTROS ven de iniciar as obras contempladas no proxecto.

Esta obra susténtase nunha financiación que combina fondos europeos e autonómicos, evidenciando o carácter estratéxico do proxecto, que recibe 338.717,58 euros do Consello Superior de Deportes, con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, e 302.229,20 euros aportados polo Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia destinados a inversións en infraestruturas municipais de carácter estratéxico.

As obras de mellora e modernización do Campo de Fútbol Municipal Antonio Bernárdez Gándara - Dextros converterán este campo nun referente de eficiencia, accesibilidade e dixitalización. Levarase a cabo unha transformación do campo, adaptándoo ás necesidades actuais en materia de eficiencia enerxética, accesibilidade e dixitalización, abordando unha ampla gama de melloras.

Por un lado implementaranse medidas significativas para reducir o consumo, substituíndo o sistema de alumeado actual por tecnoloxía LED, que suporá unha diminución de máis do 50% no consumo enerxético, ademais instalaranse paneis solares na cuberta da grada e un sistema de fototermia con catro acumuladores de 200 litros, aproveitando así as enerxías renovables.

Realizarase unha renovación integral das instalacións, con actuacións nos vestiarios e a estrutura do edificio. Renovaranse as cimentacións, a fachada, a carpintaría, a cuberta, o illamento, a fontanería e o saneamento. Actuarase en parte do peche perimetral para mellorar a seguridade e estética do recinto, e en materia de accesibilidade levaranse a cabo melloras para garantir o acceso a persoas con mobilidade reducida, incluíndo a construción dun novo aseo adaptado.

Ademais destas intervencións na propia instalación, incorporaranse outros equipamentos e melloras para optimizar a funcionalidade e confort das instalacións. Instalarase unha persiana no peche na zona de cantina, renovarase a cuberta da grada e sanearase a estrutura existente. O acceso ao recinto deportivo tamén se mellorará coa instalación de bancos, árbores, unha pérgola e outros elementos que faciliten a accesibilidade. Tamén se mellorará a rede perimetral do recinto.

En relación ó ámbito de dixitalización, instalarase un moderno videomarcador dixital de 3×2 metros e implementarase un sistema de xestión automático de encendidos, apagados e funcionamento do climatizador, optimizando o uso dos recursos. Unha inversión que reafirma a aposta polo deporte do Concello de Salvaterra de Miño e que convertirá o Campo Antonio Bernárdez Gándara – Dextros nun referente en toda a comunidade, xerando un espazo deportivo adaptado ás necesidades actuais.

Salvaterra co deporte!!!

Obras Dextros 1Obras Dextros 2Obras Dextros 3