O CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO ABRE A OFICINA DE TURISMO XUNTO AO PARQUE A CANUDA E PON EN FUNCIONAMENTO O SERVIZO GRATUÍTO DE BICICLETAS

O Concello de Salvaterra de Miño ven de abrir no mes de xullo a nova Oficina de Turismo xunto ao Parque Público A Canuda, co fin de atender o incremento de demanda de información turística durante estes meses e, do mesmo xeito, abre tamén en época estival o servizo gratuíto de bicicletas. Este servizo de información complementa ao do Museo da Ciencia do Viño que se atopa na Muralla. O horario de ambos servizos é de xoves a domingo e festivos de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, de xullo a decembro. Nesta primeira semana de posta en funcionamento da oficina de turismo xa pasaron por ela varios visitantes nacionais para recoller información sobre o noso municipio e os seus lugares de interese. A apertura desta nova oficina de turismo se leva a cabo baixo a axuda outorgada pola Deputación de Pontevedra para a contratación de persoal a través do Plan + Provincia 2025. En relación ao Servizo gratuíto de bicicletas salientar que tódolos menores de 16 anos deberán traer o seu propio casco de protección para poder empregala. Os menores de idade precisan consentimento dun titor legal. O concello de Salvaterra de Miño é dos poucos de Galicia que contan con bicicletas de paseo de xeito gratuíto, que poderán empregar @s veciñ@s e visitantes, para percorrer o Casco Urbano, o noso Recinto Amurallado, e as sendas que están habilitadas e acercarse ao noso Espazo Lúdico Termal en Teáns-Oleiros. Con iniciativas como esta o que se pretende é fomentar o deporte e hábitos saudables entre os seus veciños e veciñas, o uso de medios de transporte ecolóxicos e achegar a natureza e o propio patrimonio a todos e a todas, ademais de ser unha chamada para as miles de persoas que visitan a nosa vila na procura de tranquilidade e lecer, sen esquecer unha boa gastronomía. Salvaterra de Miño é Vila Milenaria, Capital do Viño do Condado do Tea, pero tamén é un Xardín sobre o Miño, sendo o Parque Público A Canuda un dos reclamos turísticos máis importantes do sur de Galicia.

OficinaTurismo1OficinaTurismo2