O CEIP Plurilingüe de Leirado en Salvaterra de Miño vén de ser galardoado cun segundo premio de Boas Prácticas de Educación Inclusiva que foi convocado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Este premio recoñece a traxectoria do centro así coma o traballo desenvolvido o pasado curso escolar 2023-2024 en prol da igualdade de oportunidades para aprender de todo o alumnado.
Este premio supón, unha vez máis, o recoñecemento de que a liña de traballo elixida, consensuada e, sobre todo, compartida pola meirande parte da comunidade educativa coloca ao noso alumnado no camiño axeitado para adquirir mellor as competencias clave.
Parabéns, polo tanto, ao equipo docente, persoal non docente, alumnado, familias, ANPA e outras institucións que participan activamente en todas as actividades programadas dende o centro (CFR de Vigo, CAFI, Inspección Educativa, Concello de Salvaterra de Miño...). Dende o centro esperamos contar coa colaboración de toda a comunidade educativa para o desenvolvemento de proxectos vindeiros.
Leirado, 26 de novembro de 2024