O CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO OFRECERÁ UN NOVO OBRADOIRO DUAL DE EMPREGO PARA O ANO 2024-25

A Xunta de Galicia ven de comunicar a concesión dun novo Obradoiro dual de Emprego por un importe de 411.928,00€ cunha duración de 9 meses e que dará comezo a principios do mes de decembro. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ven de comunicar a concesión de máis de 400.000,00€ para financiar os custos de formación profesional para o emprego do proxecto do Obradoiro dúal denominado “SALVATERRA EMPREGA IV”. Esta acción enmárcase dentro das políticas activas de emprego que está realizando o Concello, e que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización dun traballo efectivo, que xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente con dito traballo, procura a súa cualificación profesional e favorece a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo. SALVATERRA EMPREGA IV terá unha duración prevista de 9 meses, onde se pretende formar a 20 persoas desempregadas nas especialidades formativas no ámbito Forestal e de Xardinería. Con este obradoiro o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si. As obras a realizar a través deste obradoiro están destinadas a darlle continuidade a posta en valor do parque forestal Monte Castelo, ubicado na parroquia de Pesqueiras, e no cal se está traballando a través dun convenio coa CCMM co fin de seguir mellorando o noso patrimonio e reforzar un recurso turístico moi importante para o noso municipio. E por outro lado a través das actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería farase un traballo de mellora nas zonas verdes, parques así como nas sendas municipais.

Obradoiro