Temos o pracer de anunciar un novo evento futbolístico sen precedentes para o noso territorio: a UNDERCUP de Portugal, que abrangue 2000 deportistas distribuídos en 55 clubes, con 102 equipos dende a categoría sub10 ata a sub17. Nesta segunda edición e dentro do marco cultural e deportivo da nosa Eurocidade, as Escolas Deportivas terán o privilexio de compartir torneo na sección sub 17 con equipos do máis alto nivel, entre os que se atopan, ademáis do Real Clube Celta Academy, o Benfica, o Sporting de Lisboa, e os mundialmente coñecidos JUVENTUS DE TURÍN e OLYMPIC DE MARSELLA. O Antonio Bernárdez Gándara-Dextros albergará entre o xoves 27 e domingo 30 un calendario cheo de partidos correspondentes ás distintas categorías pertencentes ó torneo, sendo As Neves e Monçao as as outras dúas sedes, cun horario diario dende as 10 da mañá ata as 19:00 horas, exceptuando o domingo que rematará en xornada matinal. Sen dúbida será o broche de ouro para pechar unha tempada futbolística moi brillante para os equipos senior, veteranos, afeccionados e os equipos da base de Salvaterra e as súas parroquias. Ademais, o evento contará con servicio amplo de cantina para dar servizo de bocadillos quentes, empanadillas, croissants, e demais produtos que permitan facer xornada longa ó gusto de todos os presentes.

25 06 24 Undercup Portugal