PROGRAMA TEI (TITORÍA ENTRE IGUAIS) UNHA INICIATIVA DE INTEGRACIÓN E PREVENCIÓN DO ACOSO ESCOLAR O venres 5 de novembro de 2021 tivo lugar no IES Salvaterra de Miño a presentación das parellas TEI. O acto contou coa presenza da alcaldesa de Salvaterra de Miño dona Marta Valcárcel e o presidente da ANPA do centro educativo don Marcelo Sánchez, ademais da dirección, membros do equipo de convivencia e profesorado do centro. Este programa TEI (Titoría Entre Iguais) é unha estratexia de convivencia enfocada, fundamentalmente, á integración do novo alumnado e á prevención do acoso escolar. O alumnado de 3º de ESO, con experiencia xa no centro educativo, presta apoio, sobre todo de tipo emocional, pero tamén axuda na resolución de conflitos a alumnado de 1º de ESO que, a priori, é alumnado máis vulnerable debido á súa recente incorporación ao centro escolar. O programa TEI vén funcionando dende hai varios anos no IES Salvaterra de Miño pero, por mor da pandemia, non foi posible poñelo en práctica na súa totalidade debido ao confinamento e ás restricións impostas no curso 2020-2021. Responsables do centro educativo confían en que este ano poida desenvolverse na súa totalidade e que isto axude á mellora da convivencia. Este programa TEI que, como sinalou a alcaldesa dona Marta Valcárcel, é unha estratexia pioneira en centros do concello, vén a completar outras estratexias a prol da mellora da convivencia que xa se están poñendo en práctica nese centro educativo como a mediación escolar, as prácticas restaurativas ou unha aula de convivencia activa. A alcaldesa agradeceu que este tipo de iniciativas, que axudan a mellorar a convivencia e a formar cidadáns máis responsables, sexan postas en práctica nos centros educativos. Pola súa parte, don Marcelo Sánchez tamén agradeceu ao centro, en nome das familias, estas actuacións co alumnado e comentou que dende a confederación de ANPAS recibe preguntas acerca de como poñer en práctica iniciativas coma estas que se están implantando no IES Salvaterra de Miño. Fontes do centro educativo informaron de que, a pesar de que o programa TEI é de recente implantación no IES Salvaterra de Miño, estarían encantados de que os centros de infantil e primaria adscritos se uniran a esta iniciativa, o que suporía crear unhas dinámicas dende idades temperás que favorecerían os obxectivos pretendidos de integración e prevención. Indican, ademais, que é un programa que leva implantado dende xa hai anos con éxito non só en centros educativos de todo o territorio español, senón tamén en cidades, denominadas cidades TEI, como Gijón, Málaga, Sada, Santander entre outras moitas.

IMG 20211105 WA0031IMG 20211105 WA0032IMG 20211105 WA0033IMG 20211105 WA0034