O Concello súmase ás reivindicacións do colectivo LGTBIQ+ e aos actos conmemorativos do Día do Orgullo co fin de dar visibilidade e loitar por unha sociedade máis xusta, igualitaria e diversa.
Este 28 de xuño celébrase en todo o mundo o Día do Orgullo LGTBIQ+ e o Concello de Salvaterra de Miño quere ser partícipe aportando o seu gran de area con algúns xestos que, aínda que queda camiño por percorrer, axudan a confiar nun futuro social máis xusto e tolerante; para iso, o balcón do Concello lucirá a bandeira e instalará un banco destinado a concienciar sobre a diversidade, o respecto e tolerancia cara este colectivo.
Desexamos que este banco permita facer visible e sirva de apoio á causa, promovendo o respecto, a liberdade e a igualdade que persegue o colectivo LGTBIQ+ e que consideramos que debe ser un piar fundamental no desenvolvemento evolutivo dunha sociedade saneada, tolerante e adaptada aos novos tempos.
O banco, pintado coas cores da bandeira LGTBIQ+ foi creado pol@s alumn@s de Carpintería do IES SALVATERRA, implicando á comunidade educativa dun xeito directo en iniciativas tan importantes coma esta. Polo tanto, dende O Concello tamén queremos agradecer a todo o persoal docente, equipo directivo do centro e @s propi@s alumn@s, o traballo conxunto que se leva a cabo día tras día e que se fan tan visibles en datas coma estas.
Neste banco aparecen reflexados os nomes de tod@s @s participantes deste proxecto, que foron @s alumnos do 1º Ciclo de Carpintería.