As solicitudes deberán presentarse do 11 de xullo ao 11 de agosto.
O Concello de Salvaterra de Miño aprobou en Xunta de Goberno Local as bases e a convocatoria específica de concesión de axudas económicas de 75,00€ destinadas á adquisición de libros e material escolar de cara ao próximo curso 2017-2018.
Segundo Marta Valcárcel Gómez, a 1ºTte de Alcalde e Concelleira de Servicios Sociais, o obxectivo destas axudas, que se convocan anualmente, é promover o principio de igualdade na educación e compensar ás familias con recursos limitados para cubrir os custos derivados da escolarización dos seus fillos, entendendo como tales tanto a adquisición de libros como o resto de material escolar. Estas axudas están dirixidas aos alumnos e alumnas de Educación Infantil matriculados nos centros escolares de Salvaterra.
O prazo para a presentación das solicitudes será do 11 xullo ao 11 agosto, ambos inclusive. Os interesados en solicitar esta axuda económica deberán presentar as solicitudes xunto coa documentación esixida polo Departamento de Servizos Sociais, os martes ou xoves, nese mesmo departamento, de 08.00 a 14.00 horas.
É necesario aportar xunto coa solicitude o DNI ou NIE dos membros da unidade familiar, o libro de familia e xustificantes dos ingresos da unidade familiar do ano en curso. Os interesados terán que achegar o recibo de aluguer ou o certificado bancario en caso de estar pagando unha hipoteca da súa vivenda habitual. Ademais, é necesaria unha copia da declaración de renda e sentencia e convenio regulador en caso de divorcio.
Para máis información contacte co Departamento de Servizos Sociais, todos os interesad@s poden consultar as bases e descargar o modelo de solicitude na páxina www.concellodesalvaterra.com.