A Alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, o concelleiro de Obras, Ernesto Groba, e o concelleiro de deportes, Edgar Martínez, supervisan o avance das obras que se están realizando no campo de Fútbol do Oural, financiadas a través do primeiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas convocado pola Deputación de Pontevedra no ano 2024 e co-financiado a través do Plan +Provincia 2024. As obras do campo de fútbol do Oural, un dos dous terreos de herba sintética cos que conta o municipio e onde adestran varios equipos locais, teñen como obxectivo modernizar e ampliar os espazos dispoñibles. O proxecto baséase no acondicionamento dos locais existentes debaixo da bancada para acoller no seu interior dous vestiarios máis. Deste xeito, mellórase o servizo deportivo que ofrece este recinto, xa que unicamente contaba con dous vestiarios e un pequeno para os colexiados, o que complicaba a organización de adestramentos e partidos e obrigaba aos deportistas a compartir espazos ou chegar xa cambiados aos encontros. O investimento, de máis de 88.000,00€, dá resposta a unha vella reclamación dos usuarios e atópase enmarcado no plan estratéxico municipal para a mellora das infraestruturas deportivas, que prevé destinar preto de 1.000.000 € no próximo ano. Salvaterra de Miño co deporte.