O Concello de Salvaterra de Miño ven de rematar coa instalación de 247 novos contadores intelixentes, por un importe de preto de 53.000€ para continuar coa modernización do sistema de abastecemento de auga e así reducir perdas na rede municipal. Esta inversión realizouse a través dunha subvención xestionada por Augas de Galicia, enmarcada no Plan de minimizar as pérdas de auga en entidades locais da comunidade autónoma. En total, o Concello de Salvaterra de Miño, que iniciou fai un par de anos un Plan de Modernización do sistema de contadores en áreas rurais, conta xa con preto de 400 contadores intelixentes, instalados nas parroquias de Corzáns, Fiolledo, Leirado, Lourido, Meder, Pesqueiras, Soutolobre e unha parte de Fornelos. Estas obras están integradas nas directrices da Auditoría Municipal de Abastecemento e o Plan de actuación aprobado en novembro do ano 2022 polo Concello, onde se detalla a inversión e o calendario necesario para a mellora do sistema de subministro. Ademais de ser unha medida de actuación enmarcada no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible tamén aprobado polo consistorio. Os novos contadores instalados contan con tecnoloxía electrónica e módulos de comunicación que permiten lecturas diarias e automáticas dos consumos de auga. Esta mellora tecnolóxica busca facer máis eficiente a xestión do recurso hídrico, contribuíndo tanto a sostibilidade como á eficiencia no consumo de auga na localidade.

18 11 24 Contadores Intelixentes