A XUNTA E O CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO COLABORAN ACHEGANDO 2 M€ PARA MELLORAR O SANEAMENTO E CONSTRUÍR UNHA NOVA DEPURADORA NO RÍO MENDO

      As intervencións previstas permitirán completar o saneamento integral das parroquias de Leirado, Fiolledo, Soutolobre, Corzáns, Oleiros e Meder, na bacía do río Mendo

      Construirase unha depuradora no río Mendo, deseñada para un caudal en horario punta de 118 m³/h e preparada para dar servizo a unha poboación de 2.310 habitantes equivalentes

      Executaranse un colector de conexión á rede de Oleiros para facer chegar á nova depuradora as augas residuais deste núcleo

      Executarase un colector-emisario para a vertedura do efluente xa depurado, ademais dos correspondentes pozos de bombeo e impulsións

      A Xunta cofinanciará as intervencións cunha achega do 90% do custo, 1,8M€, e encargarase da súa execución, mentres o Concello achegará o importe restante, 200.000 €

      Unha vez subscrito o acordo, continuarase cos trámites administrativos necesarios para a licitación das obras, prevéndose iniciar neste mesmo ano 2024

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2024.- A Xunta e o Concello de Salvaterra de Miño colaboran achegando 2 M€ para mellorar o saneamento e construír unha nova depuradora no río Mendo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe coa alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, o convenio de colaboración para materializar estas actuacións.

Tal e como se recolle no acordo subscrito, a Xunta cofinanciará as intervencións cunha achega do 90% do custo, 1,8 M€, e contratará e executará as obras.

O Concello de Salvaterra de Miño, pola súa parte, contribuirá ao financiamento do 10% restante, achegando 200.000€. A administración local tamén deberá poñer á disposición os terreos necesarios e, ao remate das actuacións, asumirá a súa posta en servizo, explotación e mantemento.

O obxectivo da colaboración é mellorar as infraestruturas de saneamento, cunha nova planta de tratamento independente que se situará na conca do Mendo.

Ademais levaranse a cabo as obras necesarias para optimizar a rede e rematar o saneamento integral de varias parroquias: Leirado, Fiolledo, Soutolobre, Corzáns, Oleiros e Meder, na bacía do río Mendo.

Concretamente, a nova depuradora no río Mendo estará deseñada para un caudal horario punta de 118 m³/h. A instalación contará cun espazo para o almacenamento de lodos, que se extraerán cada 60 días, e deséñase para un tempo de retención de 2 horas a caudal punta, o que supón 4 tanques de dúas etapas e 150 m³ de capacidade.

A planta vai estar preparada para dar servizo a unha poboación de 2.310 habitantes equivalentes no ano horizonte 2040. A localización final é distinta á pensada inicialmente, máis ao sueste, atendendo así á petición veciñal.

Tamén se executará un colector de conexión á rede de Oleiros co fin de facer chegar á nova depuradora as augas residuais recollidas neste núcleo; ademais dun colector-emisario para a vertedura do efluente xa depurado, ademais dos correspondentes pozos de bombeo e as impulsións necesarias de entrada e saída á depuradora.

Unha vez subscrito este acordo no día de hoxe continuarase coa tramitación necesaria, coa consecución da documentación municipal preceptiva para a licitación das obras, prevéndose poder iniciar os traballos neste mesmo ano 2024, cun prazo de execución de 18 meses.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 en Galicia.

20240109 Convenio Salvaterra de Miño 2