Estacion

O Concello de Salvaterra valora o que representa o sector ferroviario nesta comarca do Condado e en particular nesta localidade. Situada aproximadamente no centro do traxecto entre Ourense–Vigo, a existente estación de ferrocarril salvaterrense é similar á maioría das estacións dende Ourense a Vigo (Barbantes, Ribadavia, Filgueira, Frieira, Pousa, Arbo, As Neves, Caldelas de Tui, Tui, Guillarei, Porriño, Os Valos, Redondela, Chapela e Vigo).

Este conxunto de 16 estacións xunto cos recordos afectivos dos familiares dos antigos traballadores así como a pegada económica, social e de materiais, como maquinarias, ferramentas, entre outras, "ben merece un Museo Ferroviario que recolla todo isto e que mellor lugar para a súa localización que a actual Estación do Ferrocarril de Salvaterra de Miño", manifesta o alcalde, Arturo Grandal.

Hai anos esta estación salvaterrense tiña un gran movemento tanto de viaxeiros como de mercancías. Daba tamén servizo ao Norte de Portugal e á Comarca do Condado, empregaba a máis de 25 traballadores, entre o persoal da estación propiamente dito e o persoal de vías e obras para o mantemento da vía entre As Neves e Guillarei e representaban daquela un dos piares socioeconómicos da comarca, eran os únicos centros de traballo do municipio os serradoiros de madeira, unha fábrica de pedramol e de cerámicas.

Dende hai un tempo a estación de ferrocarril está só para servizo de viaxeiros. Trátase dunha parada para algúns trens de curto percorrido, en dirección Vigo e Ourense e sen persoal ferroviario.

A maioría dos antigos empregados e as súas familias, nos seus domicilios, contan con recordos de cando desenvolvían o seu traballo nos camiños de ferro. Por iso, Salvaterra "leva na súa propia historia o sentir ferroviario", sinala Arturo Grandal.

Na actualidade a Estación de ferrocarril conta con sala de espera e varias dependencias ferroviarias asi como una parcela y un espazo do antigo peirao comercial.

Por outra parte, o Concello salvaterrense conforma a Eurocidade Monção (Portugal)–Salvaterra de Miño cun total de 30.000 habitantes (20.000 lusos máis 10.000 galegos) e este proxecto podería acadar a categoría tamén dun Museo Internacional Ferroviario, xa que Monçao foi estación dos camiños de ferro na liña Valença–Monçao con varias estacións na mesma.

A Xunta de Goberno do Concello de Salvaterra acordou recentemente solicitar a Renfe a cesión das dependencias ferroviarias e o terreo e a antiga zona do peirao que integraban a Estación de Ferrocarril co fin de crear nestas instalacións o Museo Internacional do Ferrocarril.